
Trilingüismo harmónico desde o Brasil
Setembro 17, 2007Vanguart – Cachaça
Semella que no Brasil teñen menos problemas para utilizar a lingua propia misturada con outras alleas, no caso da banda Vanguart dominan non só o portugués senón que tamén o inglés e o español. Seguro que Feijoo e Rajoi ficarían “encantados de la vida” se os grupos do país (do noso) foran tan pródigos no uso do verbo de Xespir e Cervantes… non sei se gustarían tanto da lingua de Camoens ou Castelao, semella que esa segue a darlles problemas estomacais (meus pobriños). Como, certamente, este blog non nace hoxe con desexo de polémicas, mais ben de información, agardo que gustásedes desta pequena marabilla pop que chega desde o Mato Grosso. A banda comezou como un proxecto en solitario do seu cantante o Hélio Flanders e co paso dos anos converteuse nunha das máis rechamantes promesas do indie brasileiro. Eles veñen de publicar o seu álbum homónimo de debut, como quinteto, neste 2007. Atrás quedan unha morea de ep’s, singles e mesmo un longa duración cando o grupo estaba só formado polo Hélio, un tipo con referencias tan suxerintes como Nick Drake, Lou Reed ou o mesmo Bob Dylan. Gozade e mesmo tomade nota de como temos que facer futuro.